POÉTICAS PARA UNHA VIDA 2010


PRESENTACIÓN POÉTICAS 2010 (http://edita-t.com/poesia-accion/)
Houbo un tempo no que a poesía deixou de ser o que era e estar onde se cría que estaba. Dos versos aos silencios, da linguaxe aos espazos baleiros, a poesía ocultábase en lugares cada vez máis remotos e incomprensibles. Alí precisamente onde non chegaba a razón situábase ela, e non había forma de sacala á luz. Daba a impresión de que aparecía só cando lle daba a gana, para logo seguir a súa viaxe sen rumbo, como un ser liberado do seu corpo.

Houbo outro tempo, antes ou despois do anterior, no que a poesía o era todo. Corrían noticias de que se coara nos telexornais, na prensa, na publicidade e na vida corrente das persoas, onde vivía camuflada con outras realidades, outros anuncios e outras noticias. Non se sabía moi ben de que tipo de poesía se trataba, e tampouco de onde arrincaba o seu entusiasmo por manifestarse coa cara limpa e luminosa. Pero alí estaba ela, sen esconderse de nada.

Entre un e outro tempo, as palabras detivéronse, avanzaron con calma, pousáronse nas miradas dos lectores e incluso atropelaron nun arranque de velocidade a máis dun espectador incauto. Foron anos duros nos que os libros competían con millóns de obxectos capaces de facer maxia e nos que a choiva de artificios deixaba sen terra os bosques.

Por fortuna, na periferia dos tempos a poesía aprendera a xestionar o seu propio futuro e nacía e renacía sen que ninguén puidese impedilo. Secretamente preparábase para a resistencia, para resistir nas peores condicións posibles, ata chegado o caso de que a escritura fose abolida.

J. Fernández

No hay comentarios: